Saturday 11 de May de 2024

A Xunta de Galicia apoia a implicación da xuventude para lograr un desenvolvemento sostible das comunidades


Cristina Pichel destacou que a Xunta promove o coñecemento para o coidado dos espazos naturais a través de actividades de voluntariado como o proxecto Lewo

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participou hoxe no acto de clausura do I Foro de Mocidade da Rede Española de Reserva de Biosfera celebrado desde este mércores en distintos espazos dos concellos coruñeses de Bergondo, Oleiros e Betanzos.

Cristina Pichel felicitou ás mozas e mozos participantes polo seu compromiso cun desenvolvemento sustentable das comunidades. A directora xeral sinalou que cunha actitude responsable pódese mellorar a saúde do planeta e permitir así un futuro mellor para as xeracións do futuro.

Neste sentido, loou o obxectivo de iniciativas coma esta que buscan fomentar o coñecemento sobre o desenvolvemento sostible, así como poñer en marcha plans de acción que logren atallar os problemas que se atopan na actualidade neste eido.

Durante os tres días que durou esta actividade, na que os participantes estiveron aloxados en Gandarío, as mozas e mozos afondaron nas necesidades do planeta da man de expertos na materia e de sesións de traballo en grupo.

A directora xeral lembrou que a Xunta de Galicia promove o coñecemento sobre o respecto e o coidado dos espazos naturais a través de actividades de voluntariado como é o proxecto Lewo – LIFE Evergreen with volunteer- LIFE16 ESC ES001. Varias desas accións desenvolvéronse na Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.